Autor: Futuros Urbanos

  • Xa dispoñibles a programación e a inscrición para o Seminario de Futuros Urbanos (2º cuadrimestre 2025-2026)

    Como en pasadas edicións, o Seminario de Futuros Urbanos é ofertado como formación da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS). As inscricións para obter o recoñecemento das 10 horas correspondentes están xa abertas ata o martes 3 de marzo e poden facerse neste vínculo.

    O programa para este cuadrimestre achégase, como é habitual, á contorna desde diferentes perspectivas e disciplinas, incluíndo a xeografía pero tamén o cinema, a arquitectura ou as ciencias políticas, con parte dos contidos vinculados ás xornadas Novas visións urbanas: as pegadas das utopías na cidade, nas que colaboramos na organización co proxecto ARSOGAL (Arquitecturas soñadas. Proyectos fallidos y pensamiento utópico en la historia de la arquitectura de Galicia).

  • Colaboración co programa Faíscas culturais

    A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC vén programando unha serie de actividades no marco do programa Faíscas culturais, formulado coa vontade de prender a reflexión cultural a través de proxectos artístico-pedagóxicos.

    Desde o Seminario de Futuros Urbanos colaboramos con esta iniciativa nunha sesión vinculada á exposición Ficcións especulativas, acollendo un coloquio entre a artista Regina de Miguel e a comisaria Aránzazu Pérez Indaverea. De Miguel participa na exposición co filme Aguas intoxicadas, cometas nunca más vistos y una reunión de suicidas, no que imaxina a historia futura dunha muller que habita nun planeta lonxano onde o tempo se dilata entre a espera e a revelación. Ao ser a da artista unha traxectoria que vincula a arte ao cuestionamento dos dispositivos representacionais da ciencia e a imaxinación, programamos o coloquio Imaxinación xeográfica e especulación creativa para o deseño de futuros posibles, que terá lugar o xoves 30 de outubro ás 19:00 na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia.

  • Aberta a inscrición para o Seminario de Futuros Urbanos (1º cuadrimestre 2025-2026)

    O Seminario de Futuros Urbanos está recoñecido pola EDIUS como actividade formatida de Doutoramento da USC. As inscricións para obter o recoñecemento das 10 horas formativas correspondentes están xa abertas ata o 22 de outubro.

    A información detallada coas oito sesións (programadas para outubro, novembro e decembro) e o vínculo para matricularse están dispoñibles aquí.

  • Inscrición aberta para o Seminario de Futuros Urbanos (2º cuadrimestre 2024-2025)

    Xa están abertas as inscricións para obter o crédito de formación da segunda edición do Seminario de Futuros Urbanos, dirixido a doutorandos e PDI da Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS-USC). O seminario conta con recoñecemento de 10 horas formativas. O prazo de inscrición remata o 19 de febreiro.
    Atoparedes a ligazón para matrícula na seguinte ligazón:

    INSCRICIÓN SEMINARIO DE FUTUROS URBANOS

  • Futuros da Casa da Xuventude

    O Seminario de Futuros Urbanos organiza, o xoves 20 de abril, un debate público coas persoas candidatas á alcaldía de Santiago de Compostela polo PSdeG-PSOE, o PP, o BNG e Compostela Aberta, e coa participación de entidades socioculturais e veciñanzas.

    O encontro desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia e tratará sobre os futuros posibles do edificio da Casa da Xuventude, unha peza chave na conexión urbana do parque de Belvís coa Cidade Vella a través do vector esencial da Virxe da Cerca, sobre a que existen distintas propostas de intervención. O acceso é libre ata completar a capacidade da sala.