Cal é o noso obxectivo?
O diálogo, a discusión e o intercambio intelectual nun formato aberto, centrándose en cuestións sobre as que están a traballar algúns investigadores ou que son obxecto de debate para eles. A idea de partida é a discusión de traballos en curso que queiran ser compartidos co propósito de avanzar nunha reflexión colectiva.
A quen se dirixe o Seminario?
A persoas investigadoras das diferentes Ciencias Sociais, Humanidades ou Ciencias da Terra que sintan a falta dun espazo de debate e discusión coidadoso para as súas investigacións. A nosa vontade é que o seminario estea aberto e promova a acollida de contribucións de compañeiras de diferentes eidos de coñecemento, aínda que a énfase inicial sexa posta na Xeografía e nas disciplinas afíns.
Cal é o formato das sesións?
Estabelecemos un formato xeral de 1hora e 30 minutos, onde unha persoa presenta o seu traballo e unha moderadora contribúe a coordinar e animar a discusión con todas as participantes. Propomos outro tipo de formatos para certas sesións especiais que organizamos de xeito puntual.
Con que frecuencia nos reuniremos?
Xuntámonos arredor dunha vez ao mes; os xoves, de xeito presencial, na sala de Xuntas do Decanato da Facultade de Xeografía e Historia, en Santiago de Compostela.
