Brais Estévez é xeógrafo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Doutor en Xeografía pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), con premio extraordinario de Doutoramento. Traballa na encrucillada entre a xeografía urbana, os estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía (STS) e a teoría psicanalítica. Interésase pola indagación etnográfica, as formas de colaboración epistémica e, sobre todo, pola pregunta sobre como vivir xuntos en mundos urbanizados mediados por infraestruturas, materialidades, desexos e saberes múltiplos e heteroxéneos —moitas veces, contraditorios—. Actualmente, leva a cabo o seu traballo como investigador visitante no Instituto de Filosofía do Centro de Ciencias Humanas y Sociales (CCHS) do CSIC, onde desenvolve o proxecto de pesquisa Para a habitabilidade terrana: aterrar os equipamentos colectivos no Novo Réxime Climático. Alén diso, é profesor da materia Retos Ambientais no Mestrado Universitario de Filosofía para os Retos Contemporáneos da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). É autor de artigos académicos en revistas de xeografía, humanidades e ciencias sociais, como International Journal of Urban and Regional Research, Social Movement Studies, Radical Housing Journal ou Scripta Nova. Tamén é autor de capítulos de libro en editoriais como Routledge, Springer, Icaria, Tirant Lo Blanch ou Bartlebooth. Ao mesmo tempo, publica pequenos ensaios en medios de natureza divulgativa como Ankulegi, Clara Corbelhe ou Praza Pública.

