Cristina Botana é docente e investigadora na Universidade da Coruña (UDC) e colaboradora docente na Universitat Oberta de Catalunya (UOC). É doutora en Arquitectura e Urbanismo pola UDC e conta cun mestrado en Cidade e Urbanismo pola UOC. Foi investigadora postdoutoral Juan de la Cierva no Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) (2022-2025). O seu traballo parte da arquitectura e o urbanismo para explorar o territorio como un arquivo vivo de memorias, tensións e resistencias. Céntrase nas desigualdades e as formas insurxentes de habitar que se tecen nas marxes, buscando sempre os saberes sutís que a cidade agocha entreliñas. Concibe o territorio como un espazo de relación, conflito e posibilidade, onde as prácticas cotiás e os coidados abren outros xeitos de imaxinar o común. Entre os seus últimos proxectos destaca unha diagnose urbana con perspectiva de xénero para o Concello de Silleda, que foi pioneira en Galicia, e o proxecto de investigación e divulgación A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade, que incluíu a exposición A Coruña, porto negreiro no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT). Directora da Escola Decolonial Galega, publica e divulga sobre urbanismo decolonial, ecofeminismos e segregación socioespacial. Impartiu conferencias en centros nacionais (UGR, UB, USC, UDC) e internacionais (UNT-Arxentina, UTV-Colombia, MINVU-Chile). Recibiu o Premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) 2019 de Divulgación, Investigación e Deseño pola exposición Éxodo. Tamén colabora en medios como Crítica Urbana, O Salto ou Clara Corbelhe.

