O mundo non é como era, non está dado nin garantido. Nunha época de incertezas radicais, desencadeada pola colosal superposición de crises en curso, as nosas cidades enfrontan un desafío semellante ao da arte do pharmakon: seren veleno ou remedio.
Fronte ao abismo do futuro mutilado; a desconfianza, a frustración e o medo ameazan con privatizar a vida na cidade. Orfas e orfos de referencias alternativas para os nosos territorios, mal falamos sobre o futuro. Dese xeito, vivimos moitas veces á espera, mesmo sen esperanza. Ademais, nese mundo abalado pola suma de todas as crises ao mesmo tempo, as cidades imaxínanse cada vez máis como lugares hostís, condenados pola crise climática e, dese xeito, comandados polo imperativo do sálvese quen poida.
Agora ben, as crises e catástrofes contemporáneas tamén supoñen unha ocasión para pensarmos os problemas que atravesan os nosos territorios na súa raíz; nomeadamente as cidades. Nese senso, alén de espazos adversos e sen enerxías para continuar proxectando esperanza, consideramos que o urbano pode imaxinarse noutros termos: como un mundo aberto, esperanzador, vitalista e posíbel.
Ao mesmo tempo, a incerteza da época convídanos, como investigadoras e investigadores, a experimentarmos cos formatos do encontro académico. Interesados pola colaboración e a discusión colectiva, interdisciplinaria e até indisciplinada, un grupo de xeógrafas e xeógrafos decidimos abrir un espazo de encontro e estudo, in/formal, para debatermos, fóra das canles habituais, algunhas das cuestións que consideramos relevantes: desde os conflitos que atravesan a nosa cidade até as investigacións de colegas que non coñecemos ou das que apenas sabemos aínda que se fagan preto de nós. As aproximacións urbanas constitúen a nosa entrada temática principal.
Con todo, acreditamos na abertura e na heteroxeneidade e, nese senso, consideramos que unha multiplicidade de investigacións contemporáneas en curso pode atopar o seu lugar neste seminario. Do mesmo xeito, pensamos que ese espazo de indagación pode ser, tamén, un obradoiro para o coidado colectivo das nosas investigacións: un dispositivo de escoita e discusión in/formal dos nosos traballos nun ambiente próximo e non subordinado aos imperativos da avaliación, a competitividade e a prestación de contas.
Neste contexto é no que nace o Seminario de Futuros Urbanos (SFU), unha iniciativa de indagación colectiva auspiciada por xeógrafas e xeógrafos, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vencellados ao Grupo de Investigación ANTE (Análise Territorial).
O seminario, por unha banda, aspira a propiciar un espazo de encontro e intercambio intelectual e científico de investigadores de Xeografía con investigadoras e investigadores doutras áreas e disciplinas e, por outra banda, pretende acoller e promover diálogos abertos, de natureza urbana, con outros actores da sociedade civil.
