Curso
Brais Estévez é xeógrafo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Doutor en Xeografía pola Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), con premio extraordinario de Doutoramento. Traballa na encrucillada entre a xeografía urbana, os estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía (STS) e a teoría psicanalítica. Interésase pola indagación etnográfica, as formas de colaboración epistémica e, sobre todo, pola pregunta sobre como vivir xuntos en mundos urbanizados mediados por infraestruturas, materialidades, desexos e saberes múltiplos e heteroxéneos —moitas veces, contraditorios—. É autor de artigos académicos en revistas de xeografía, humanidades e ciencias sociais, como International Journal of Urban and Regional Research, Social Movement Studies, Radical Housing Journal ou Scripta Nova. Tamén é autor de capítulos de libro en editoriais como Routledge, Springer, Icaria, Tirant Lo Blanch ou Bartlebooth. Ao mesmo tempo, publica pequenos ensaios en medios de natureza divulgativa como Ankulegi, Clara Corbelhe ou Praza Pública.

