05.03.2026 19:30

Exploracións retrospectivas e prospectivas arredor dos polígonos de vivenda masiva


A intervención propón unha revisión crítica do papel dos polígonos de vivenda masiva na construción da cidade contemporánea. A ollada retrospectiva permite recoñecer o valor histórico das ideas funcionalistas e, ao mesmo tempo, cuestionar a súa vixencia relativa na actualidade. A ollada prospectiva incide nos desafíos de rexeneración urbana que estes tecidos requiren, situando o foco na calidade dos seus espazos libres, nas condicións de habitabilidade e nos riscos de segregación socioespacial.

A sesión organízase como un percorrido por tres investigacións recentes. A primeira é a tese de doutoramento, desenvolvida no marco do proxecto UR-HESP (BIA2014-60059-R), que propón unha metodoloxía para o diagnóstico multiescalar da calidade dos espazos libres en polígonos de vivenda de Madrid, Barcelona e Zaragoza. A segunda é a experiencia do concurso Europan, onde esa investigación serve de base para un proxecto de intervención informado no barrio do Sudoeste del Besòs (Barcelona), ensaiando escenarios de rexeneración física dun tecido residencial fortemente homoxéneo e obsoleto. Por último, a investigación Diversidade Espacial (https://pupc.unizar.es/diversidad) amplía o marco de reflexión cara a unha comparación entre distintos tecidos residenciais contemporáneos, entendendo a diversidade como condición necesaria —aínda que non suficiente— para a resiliencia urbana e a redución da segregación social na cidade.


Sergio García Pérez
Universidad de Zaragoza

Sergio García-Pérez (Zaragoza, 1990). Doutor Arquitecto. Profesor de Urbanismo e Ordenación do Territorio na Escola de Enxeñería e Arquitectura da Universidad de Zaragoza. A súa liña de investigación sitúase na intersección entre o deseño urbano, a rexeneración urbana e a cartografía avanzada aplicada ao urbanismo. Traballa co novo ecosistema de datos e ferramentas de xeocomputación para construír diagnósticos informados sobre como transformar e adaptar as nosas contornas urbanas ante os retos coma a emerxencia climática, a desigualdade socioespacial ou a obsolescencia dos tecidos residenciais. Perfil público: https://janovas.unizar.es/sideral/CV/sergio-garcia-perez