
Curso
Curso

José Ignacio Vila é investigador e docente como Profesor Axudante Doutor en Xeografía na Universidade de Santiago de Compostela (USC) dende 2022. O seu interese pola Xeografía urbana, o Urbanismo e os Estudos urbanos levouno a desenvolver a súa carreira académica entre Santiago de Compostela e diferentes universidades e centros de investigación franceses, como a Université Paris 1-Panthéon-Sorbonne, o CNRS, a Université Cergy-Pontoise ou a École d’Urbanisme de Paris, e a USC.
Realizou a súa tese de doutoramento en co-tutela internacional entre a Université Paris 1 Panthéon-Sorbonne e a Universidade de Santiago de Compostela sobre o impacto territorial dos grandes proxectos culturais (flagship projects) en cidades europeas en 2016, onde avaliou as consecuencias de desenvolver o modelo Guggenheim de Bilbao en diferentes contextos territoriais. Posteriormente, tivo dous contratos posdoutorais do Labex DynamiTe y a Cátedra Aménager le Grand Paris sobre as transformacións nas periferias metropolitanas europeas en relación con grandes proxectos de rexeneración urbana. Como investigador distinguido María Zambrano na USC, continuou co estudo de dinámicas sociais complexas en relación con proxectos urbanos de longa duración e cunha vertente paisaxística ben marcada. Inscríbese nos estudos urbanos críticos, coa abordaxe das desigualdades socioespaciais, a segregación residencial, a fragmentación urbana e a xentrificación, en investigacións que que combinan aproximacións da xeografía social urbana con enfoques metodolóxicos comparativos. O seu pensamento sobre os futuros urbanos encamíñase a fomentar formas de produción urbana máis colaborativas, que inclúan ao mosaico de actores urbanos e que sexan guiadas por principios comúns de xustiza social, ambiental e paisaxística.

