Nas últimas décadas, as liñas de pensamento filosófico e cultural van facer fincapé na necesidade de entender e cuestionar os sistemas de extracción e explotación dos que formamos parte. Preguntarnos por que chegamos á actual situación de emerxencia e degradación medioambiental permítenos darnos conta e profundizar na existencia de vínculos ecosociais. Unha das cuestións que emerxen como fundamentais destes vínculos é entendernos como parte de redes e ensamblaxes máis-que-humanas, de acordo con filósofas ecofeministas como Donna Haraway e novas materialistas como Jane Bennett. As súas teorías, aplicadas ós estudos culturais e fílmicos, permítennos reformular a pregunta de como ollar ós animais non-humanos (como xa fixo no seu día John Berger) e ás relacións que mantemos con eles. Partindo destas achegas, neste seminario exploraremos as posibilidades doutras liñas teóricas específicas, como o ecocinema, para propoñer os marcos dunha perspectiva ecolóxica no cinema. Así, pesquisaremos a través de diferentes casos de cinema nacional e internacional para falar de vías exploratorias do cinema na construcción de futuros que poñan a convivencia e os coidados relacionais no centro. Con isto traballaremos para que a natureza non quede relegada a un segundo plano, e en cambio entendela como unha contorna da que formamos parte; pois como dixo o filósofo Bruno Latour, “nunca máis poderemos acougarnos ante o espectáculo de grandiosas paisaxes”, xa que “desde agora é imposible permanecer indiferente. Desde agora, todo nos concerne”.
Curso

