Etiqueta: Eventos especiais

  • Colaboración co programa Faíscas culturais

    A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC vén programando unha serie de actividades no marco do programa Faíscas culturais, formulado coa vontade de prender a reflexión cultural a través de proxectos artístico-pedagóxicos.

    Desde o Seminario de Futuros Urbanos colaboramos con esta iniciativa nunha sesión vinculada á exposición Ficcións especulativas, acollendo un coloquio entre a artista Regina de Miguel e a comisaria Aránzazu Pérez Indaverea. De Miguel participa na exposición co filme Aguas intoxicadas, cometas nunca más vistos y una reunión de suicidas, no que imaxina a historia futura dunha muller que habita nun planeta lonxano onde o tempo se dilata entre a espera e a revelación. Ao ser a da artista unha traxectoria que vincula a arte ao cuestionamento dos dispositivos representacionais da ciencia e a imaxinación, programamos o coloquio Imaxinación xeográfica e especulación creativa para o deseño de futuros posibles, que terá lugar o xoves 30 de outubro ás 19:00 na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia.

  • Futuros da Casa da Xuventude

    O Seminario de Futuros Urbanos organiza, o xoves 20 de abril, un debate público coas persoas candidatas á alcaldía de Santiago de Compostela polo PSdeG-PSOE, o PP, o BNG e Compostela Aberta, e coa participación de entidades socioculturais e veciñanzas.

    O encontro desenvolverase na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia e tratará sobre os futuros posibles do edificio da Casa da Xuventude, unha peza chave na conexión urbana do parque de Belvís coa Cidade Vella a través do vector esencial da Virxe da Cerca, sobre a que existen distintas propostas de intervención. O acceso é libre ata completar a capacidade da sala.