Etiqueta: Programación

  • Xa dispoñibles a programación e a inscrición para o Seminario de Futuros Urbanos (2º cuadrimestre 2025-2026)

    Como en pasadas edicións, o Seminario de Futuros Urbanos é ofertado como formación da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS). As inscricións para obter o recoñecemento das 10 horas correspondentes están xa abertas ata o martes 3 de marzo e poden facerse neste vínculo.

    O programa para este cuadrimestre achégase, como é habitual, á contorna desde diferentes perspectivas e disciplinas, incluíndo a xeografía pero tamén o cinema, a arquitectura ou as ciencias políticas, con parte dos contidos vinculados ás xornadas Novas visións urbanas: as pegadas das utopías na cidade, nas que colaboramos na organización co proxecto ARSOGAL (Arquitecturas soñadas. Proyectos fallidos y pensamiento utópico en la historia de la arquitectura de Galicia).

  • Colaboración co programa Faíscas culturais

    A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC vén programando unha serie de actividades no marco do programa Faíscas culturais, formulado coa vontade de prender a reflexión cultural a través de proxectos artístico-pedagóxicos.

    Desde o Seminario de Futuros Urbanos colaboramos con esta iniciativa nunha sesión vinculada á exposición Ficcións especulativas, acollendo un coloquio entre a artista Regina de Miguel e a comisaria Aránzazu Pérez Indaverea. De Miguel participa na exposición co filme Aguas intoxicadas, cometas nunca más vistos y una reunión de suicidas, no que imaxina a historia futura dunha muller que habita nun planeta lonxano onde o tempo se dilata entre a espera e a revelación. Ao ser a da artista unha traxectoria que vincula a arte ao cuestionamento dos dispositivos representacionais da ciencia e a imaxinación, programamos o coloquio Imaxinación xeográfica e especulación creativa para o deseño de futuros posibles, que terá lugar o xoves 30 de outubro ás 19:00 na Sala de Xuntas da Facultade de Xeografía e Historia.